Non hai moito descubrín a iniciativa de Suse para que cadaquen poda facer a súa distro ao gusto. Isto leva ata límites insospeitados a facilidade e rapidez de instalación do S.O. nun ordenador. Teño probado moitas distros distintas pero ningunha tiña todos os programas que eu considero imprescindibles, así que logo da instalación tiña que pasarme algo máis de tempo instalando os que faltaban.
Lín por moitos sitios que chegar a facer a túa propia distro requería uns altos coñecementos en GNU/Linux, dos que eu carezo, por suposto. O meu nível pode considerarse “fedellón”.
Pois con susestudio isto se acabou. Accédese por invitación, pero solicitando unha chega a confirmación moi rápidamente. A ferramenta é online e está en inglés, pero pode traballarse nela con moita facilidade.
O primeiro paso é darlle nome, por exemplo: Distro KDE 4 Xosé. Sinxelo. Logo temos as opcións básicas de idioma (galego, por suposto), teclado e zona horaria, así como as claves de root e de usuario (xa se poden inserir varios usuarios aquí).
O segundo xa ten máis complicacións. Aquí podemos escoller todos os programas que queiramos. Eu non atopei o Amule. Unha mágoa que non inclúan programas como Skype ou Google Earth, pero veremos máis adiante que incluso podemos incluilos nunha sección aparte. As partes máis importantes xa se instalan coas primeiras opcións, logo temos un buscador de programas e os mesmo catalogados por seccións. Non leva moito tempo localizar o esencial.
Nas sección Configuration penso que é mellor non tocarlle si non se teñen máis que coñecementos básicos. Eu subín a memoria a 1024 e punto.
A sección Overlay files é aquelo que mencionei antes. Na iso que faremos despois poden incluirse arquivos que teñamos no disco duro. Sensacional, unha copia de seguridade no mesmo disco que no de instalación do S.O. Aquí podemos incluir os arquivos de instalación daqueles programas que non tivéramos atopado na sección de software, como o Skype. Eu preferín non facelo, ao fin e ao cabo podo descargar de internet a versión máis recente cando queira.
Finalmente temos a sección Build, onde se copia o sistema de ficheiros para facer a iso ou imaxe para usb. Eu decanteime pola iso, pero máis adiante tentarei a opción usb cun que teño cáseque sen uso. Polo de agora levo 96 minutos e ainda non rematou este proceso.